Ata o lugar mobilizouse o helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela, pero os equipos sanitarios non puideron facer nada por salvarlle a vida.
O 112 Galicia tivo constancia do accidente ás 14:50 horas deste venres a través do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Poucos minutos despois, un particular contactou co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias para informar de que un camión sufrira un accidente e impactara contra o quitamedos na AP-53, á altura do quilómetro 14,5, ao seu paso pola parroquia de San Mamede de Ribadulla, no concello de Vedra.
Segundo indicou o alertante, o condutor permanecía no interior da cabina e precisaba asistencia sanitaria urxente.
Desde a sala de operacións do 112 Galicia informouse aos Bombeiros de Ordes, ao GES da Estrada, á Garda Civil de Tráfico e aos efectivos de Protección Civil.
A pesar dos esforzos realizados polos equipos sanitarios, que lle practicaron manobras de reanimación cardiopulmonar no lugar do accidente, non foi posible salvarlle a vida ao condutor.