Falece un ciclista ao caer da bicicleta que manexaba en Paderne

1 minutes read

Un home perdeu a vida este sábado ao caer da bicicleta que manexaba na AC-164, concretamente no punto quilométrico 7, en Paderne.

Os feitos sucederon ao redor das 9:20 horas, na parroquia de San Pantaleón das Viñas.

Unha persoa particular alertou ao 112 Galicia da caída do ciclista e, nada máis ter constancia, o persoal do CIAE 112 Galicia requiriu a intervención do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros de Betanzos, da Policía Local de Bergondo e da Garda Civil de Tráfico.

A pesar dos esforzos dos servizos de emerxencia, os efectivos sanitarios tan só puideron confirmar o falecemento do ciclista.

Ciclista ferido grave


Por outra banda, en Cuntis, un ciclista resultou ferido grave nun accidente de tráfico no que tamén se viu implicado un turismo. Os feitos ocorreron na N-640 á altura do lugar da Anllada.

Foi unha persoa particular quen contactou co 112 Galicia ao fío das 9:30 horas para dar conta do sucedido.

Acto seguido, os xestores do CIAE 112 Galicia solicitaron a intervención do 061-Urxencias Sanitarias, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Vilagarcía e do GES da Estrada.

Finalmente, os servizos sanitarios evacuaron ao clicista ao Hospital Clínico de Santiago.