O accidente tivo lugar na estrada AC-550, á altura do quilómetro aproximado 92. Foi ao fío das 00:00 horas deste venres cando o 112 Galicia tivo constancia do suceso a través da alerta emitida polo sistema de emerxencia automático integrado no vehículo (eCall), sen que fose posible establecer contacto coa persoa ocupante.
Instantes despois, varios particulares chamaban ao 112 Galicia para informar dun vehículo accidentado que colidira cun cabalo, que se atopaba sen vida na calzada, e sinalaban que o condutor podería estar atrapado e falecido.
De inmediato, desde o 112 Galicia activouse un operativo no que participaron os profesionais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Ribeira e de Boiro, o GES de Noia, así como axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local.
Unha vez no punto, os equipos de intervención confirmaron o falecemento da persoa e indicaron que foi necesario empregar o material de excarceración para recuperar o corpo.