Falece un condutor dun turismo tras chocar de fronte cun camión na N-634 en Curtis


O falecido era un varón de 50 anos veciño de Santiago, traballador do cárcere de Teixeiro, e único ocupante do turismo. Dende o 112 Galicia pediuse a colaboración dos servizos sanitarios en caso de que o condutor do camión necesitase asistencia.

Un particular que pasaba polo punto avisaba ao 112 dunha colisión frontal entre un camión de mercadorías e un coche na N-634 ao seu paso polo polígono de Teixeiro, en Curtis (A Coruña). Pasóuselle a chamada a Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Outras persoas que se detiveron a prestar auxilio antes da chegada das forzas de seguridade trataron de auxiliar aos implicados. Resultaba imposible abrir as portas do turismo, gravemente afectado polo aparatoso do accidente.

Ante a posibilidade de necesitar excarcerar, o persoal do GES de Curtis chegou rapidamente ao lugar, e só puideron comunicar o falecemento do condutor do coche. Aínda que non foi preciso, este non foi retirado ata que se presentaron as forzas da orde.

Por outra banda, os Bombeiros de Betanzos continúan neste momento traballando para despexar os restos do accidente. Tamén colaboraron a Garda Civil de Tráfico, Protección Civil de Curtis e os servizos de mantemento da estrada. Algún dos particulares que chamaba ao 112 avisaba de retencións aproximadamente á altura do quilómetro 663.