Un home de 34 anos, traballador da refinería de Repsol na Coruña, faleceu este martes no CHUAC onde permanecía ingresado en estado crítico tras sufrir un accidente laboral o pasado sábado debido a un «escape».
Estaba a realizar canda outro compañeiro, ambos os dous traballadores dunha empresa auxiliar, tarefas de mantemento nunha das unidades de conversión da factoría. O outro home ferido recupérase no hospital.
Desde Repsol remítense ao resultado da investigación para esclarecer as causas deste suceso. Sinalan que o accidente se produciu pola liberación de gas que estaba estancado nunha tubaxe.
Nun comunicado, lamentan o acontecido e agardan a pronta recuperación do outro operario que tamén resultou ferido. A compañía, en nome dos seus traballadores, transmite o seu pesar aos familiares do falecido e á empresa na que traballaba. Por este motivo, en sinal de duelo suspéndense os traballos de parada e de mantemento programados durante este martes.
Os sindicatos convocaron unha concentración en apoio á familia do empregado ante a refinería ás 12:00 horas deste mércores cun minuto de silencio.