Falece un home en Boiro tras caer co seu vehículo por unha ponte e somerxerse no río

A situación na que quedou o coche -completamente boca abaixo- dificultou e dilatou moito no tempo o rescate da vítima. De feito, para poder recuperar o cadáver, foi necesaria a intervención dos mergulladores especializados da Garda Civil.

Así, aínda que a alarma sobre o accidente activouse no 112 Galicia ás 3:30 horas da madruga deste mércores, foi durante as primeiras horas da mañá cando finalizaron as tarefas de rescate do corpo do único ocupante do turismo. 

Segundo a información recollida no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, o coche saíuse da vía por un lateral da ponte de Runs, en Boiro, e acabou somerxido no río. Como indicamos, o turismo quedou completamente boca abaixo e a unha profundidade superior aos dous metros. Este feito complicou o acceso dos Bombeiros de Boiro e Ribeira ao interior do vehículo, polo que foi necesario botar man do equipo de mergullo especializado na Garda Civil. 

Deste xeito, as tarefas para o rescate e recuperación do cadáver dilatáronse no tempo -ata a mañanciña- e aínda queda pendente a retirada do vehículo por medio dun guindastre especial.

Cómpre indicar que neste operativo participaron tamén os membros do Servizo Municipal de Protección Civil de Boiro, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Policía Local e a Garda Civil de Tráfico.

Related posts

AFAGA entrega os premios do seu XI Certame Literario de Relato Curto ‘Nun Recuncho da Memoria’ 2025

O envorco dun coche en Cerceda deixou unha persoa falecida | Tamén falece outra que caeu por un terraplén na Veiga

Un autobús atropelou a catro persoas cando manobraba nas proximidades dunha discoteca en Pontecesures