Falece un home en Lalín tras esperar máis de media hora por unha ambulancia

Imaxe de arquivo dunha ambulancia do 061

Un home faleceu en Lalín despois de esperar 36 minutos por unha ambulancia que se tivo que trasladar desde Chantada para o atender, debido a que as dúas asistenciais coas que conta a comarca do Deza estaban ocupadas. O paciente foi levado ao PAC de Lalín, onde morreu. Esta é a segunda morte nunha situación semellante na comarca en menos de cinco meses, despois da ocorrida a mediados de outubro de 2019 en Dozón. Daquela, un home tivo que esperar 46 minutos a que unha ambulancia se desprazase ao campo da festa da parroquia de Sisto, onde o só se puido confirmar o falecemento. Algo máis dun ano antes, en agosto de 2018, outra persoa morreu no PAC da Estrada mentres esperaba a ser atendido. O equipo de garda tivera que saír para ocuparse dunha urxencia.