Falece un home en Mugardos tras quedar atrapado debaixo dun tractor

AXEGA

  • No concello de Barreiros un home resultou ferido tras caerlle enriba unha vaca

O condutor dun tractor perdeu a vida este mércores despois de quedar atrapado baixo a máquina que manexaba nunha leira situada en Franza, no concello coruñés de Mugardos. O suceso aconteceu sobre as 10:30 horas e foi un particular quen alertou ao 112 Galicia. Ata o lugar achegáronse os profesionais do 061 e o GES de Mugardos que tan só puideron certificar a morte do home.

Os axentes da Garda Civil, da Policía Local, os Bombeiros de Ferrol e os efectivos de Protección Civil da localidade tamén foron informados do incidente.

Ferido un operario tras caerlle enriba unha vaca

Á mesma hora en Ladrido, no concello de Barreiros, un home quedou ferido despois de que lle caera unha vaca enriba cando se atopaba nunha explotación agrícola.

De novo foi un particular quen alertou do incidente ao 112 Galicia, desde onde se puxo en marcha un operativo no que participaron o 061, a Garda Civil e Protección Civil da localidade.