Un home perdeu a vida, este venres, en Santiago de Compostela, tras ser atropelado polo seu propio vehículo nun garaxe da Rúa da Poza do Bar. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos Bombeiros de Santiago, que acudiron ata o lugar para liberar ao home, o condutor tiña mal inmobilizado o automóbil, foi pechar a porta do garaxe e, nese intre, o coche foise cara atrás e atrapouno.
O 112 Galicia recibiu o aviso a través do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061. Nesta chamada alertaban dun home atrapado entre un coche e unha parede nun garaxe. Con esta información, o CIAE 112 pasou o aviso aos Bombeiros de Santiago, á Policía Local da cidade e a Protección Civil. Cando os medios de intervención conseguiron liberar ao home xa nada puideron facer por salvarlle a vida.
O suceso causou gran conmoción no barrio, onde a vítima, uruguaio de nacemento, era moi coñecido por colaborar nun proxecto solidario de cociña económica.