O servizo de emerxencias 112 de Galicia confirmou o falecemento dun home que foi atopado na noite deste xoves debaixo do seu tractor no municipio do Saviñao, na provincia de Lugo.
Foi un familiar do falecido quen alertou sobre as 22:10 horas ao 112 Galicia de que acababa de atopar ao implicado debaixo dun tractor nunha leira de Morgade, na parroquia de Seteventos, informou a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) na súa páxina web.
O vehículo estaba situado nunha zona de difícil acceso e o propio familiar apuntou desde un primeiro momento que a persoa podía estar falecida.
Ao lugar acudiron efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil, Bombeiros de Chantada e Protección Civil do Saviñao, quen minutos antes da medianoite lograron rescatar o afectado, pero só puideron confirmar o seu falecemento.