Falece un home nun accidente de tractor en Irixoa

Un particular foi quen alertou ao 112 Galicia do suceso. Tras a súa chamada, ao fío das 17:00 horas deste mércores, comunicaba que acaba de atopar un tractor accidentado, envorcado e  ao seu condutor atrapado baixo a máquina, na parroquia de Ambroa, na estrada que vai de Areas a Miño, no termo municipal de Irixoa.

Decontado, os xestores do 112 pasaron aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Betanzos e á Garda Civil de Tráfico.

Ata o lugar, tamén se desprazou o helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela, que tomou terra no mesmo lugar dos feitos. Sen embargo, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento da persoa.

Debido á situación e co fin de prestar apoio aos familiares da vítima, desde o 112 Galicia solicitouse a colaboración do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha