O condutor dunha motocicleta, de 37 anos, morreu na tarde deste sábado no hospital Lucus Augusti de Lugo horas despois de sufrir un accidente no concello de Taboada.
O motorista tivera que ser evacuado en helicóptero ata o centro hospitalario ferido de gravidade, tras sufrir un accidente na estrada LU-212, entre Taboada e Monterroso, xusto á altura de San Martiño de Couto.
Ao parecer, a vítima incorporábase á vía desde unha pista secundaria cando foi alcanzada por un coche que circulaba pola principal. Falecía pouco despois de chegar ao hospital a consecuencia das graves feridas sufridas.
Xusto esta semana a Garda Civil está a desenvolver unha campaña de tráfico en apoio das persoas máis vulnerables nas estradas, entre elas, as que viaxan en vehículos de dúas rodas.