pouco antes das dúas da madrugada, un motorista de 43 anos e domiciliado en Oroso saíu da estrada de Chaián, no quilómetro dous, nun tramo recto con limitación de velocidade a sesenta quilómetros. Ía en dirección a Trazo e o accidente foi no termo municipal compostelán, pero moi preto do concello veciño, e a carón do río Tambre. Circulou uns cincuenta metros por fóra da vía, ata que acabou caendo do seu vehículo. Morreu practicamente no acto, os servizos sanitarios non puideron facer nada pola súa vida e o levantamento do cadáver produciuse algo máis dunha hora despois do sinistro, pasadas as tres da madrugada. A Garda Civil investiga os feitos.

Un peón falece tras ser atropelado en Burela
Uns minutos despois das 05:15 horas desta madrugada, varios usuarios da vía chamaban ao 112 Galicia para alertar dun vehículo parado na estrada que une as localidades de Viveiro e Burela, a altura do cruce sentido Barreiros. Indicaban que podería tratarse dun atropelo a un peón.
Decontado, os xestores de emerxencias puxeron en alerta ao 061-Urxencias Sanitarias, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos membros do GES de Cervo. Así mesmo, púxose o suceso en coñecemento da Policía Local e Protección Civil da localidade
Unha persoa foi excarcerada esta mañá nas Pontes ao quedar atrapada no interior do vehículo no que viaxaba.
O accidente, no que se viron implicados dous turismos, ocorreu pasados uns minutos das 07:15 horas, na AC-142, na entrada do parque empresarial de Penapurreira, no concello coruñés de As Pontes de García Rodríguez.
A esa hora, un particular informaba ao 112 Galicia de dous coches accidentados no punto indicado, indicaba que un deles estaba envorcado e cunha persoa no seu interior. Neses intres, tamén a Policía Local informaba do sinistro ao 112 Galicia. Así, con estes datos, os xestores de emerxencias puxeron os feitos en coñecemento dos servizos sanitarios de urxencia, dos Bombeiros do Eume e de Protección Civil da localidade.
Finalmente, os Bombeiros confirmaron a excarceración da persoa ferida, que tras ser liberada, foi trasladada polo 061-Urxencias Sanitarias ao centro hospitalario de referencia.
Ata o lugar, tamén se desprazou o persoal do servizo de mantemento da estrada que se encargou xunto cos Bombeiros da limpeza da vía.
Choque frontal en Miño
Por outra banda, case á mesma hora, o Centro Integrado de Atención ás
Emerxencias (CIAE) 112 Galicia rexistraba outro accidente na localidade
de Miño cunha persoa ferida. Tratábase dun choque frontal na N-651, á
altura da gasolineira de Repsol.
Tras recibir a alerta, o 112 Galicia ademais de informar ao 061-Urxencias Sanitarias, tamén informou aos Bombeiros de Betanzos e solicitou a colaboración dos axentes de Tráfico e dos efectivos de Protección Civil da localidade.