Un particular contactou co 112 Galicia ás 16:25 horas deste pasado sábado para alertar dunha colisión entre unha motocicleta e un tractor na N-525, ao seu paso pola parroquia de Bidueiros, no concello de Dozón, á altura do quilómetro 274.
Na súa chamada, solicitaba asistencia sanitaria urxente para o motorista, que, segundo indicaba, resultara gravemente ferido e saíra despedido tras o impacto.
Desde a sala de operacións do 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou o helicóptero medicalizado ata o lugar do accidente. Tamén se alertou os Bombeiros do Deza, o GES de Lalín e a Garda Civil de Tráfico.
Finalmente, nada se puido facer por salvar a vida do motorista, que faleceu no lugar.
