Un accidente, producido pouco antes das tres da madrugada deste mércores, deixou unha vítima mortal e un ferido, no lugar da Graña, en Ferrol.
Foi un particular quen alertou ao 112 Galicia dunha saída de vía, nese punto do concello ferrolán, e sinalaba que un vehículo se esnafrara contra un muro. Nesta chamada, a persoa afirmaba que había dous ocupantes no interior do turismo, posiblemente atrapados.
De inmediato, desde o CIAE 112 Galicia alertouse aos Bombeiros de Ferrol, á Policía Local, a Protección Civil do municipio, e aos servizos sanitarios.
Unha vez no lugar dos feitos, os axentes da Policía Local confirmaban ao 112 que as dúas persoas tiveran que ser excarceradas, que unha delas falecera e a outra fora trasladada polos servizos sanitarios.