Falece un mozo de 19 anos tras un accidente de coche en Gondomar


Unha persoa perdeu a vida e tres máis resultaron feridas na madrugada deste domingo despois de colidir o vehículo co que circulaban contra un muro. O suceso tivo lugar na PO-340, concretamente na recta da Ramallosa, no concello pontevedrés de Gondomar.

Todo comezou pasados uns minutos das 05:00 horas cando o 112 Galicia recibía a chamada de alerta de varias persoas solicitando asistencia médica urxente para os ocupantes do turismo accidentado e que, segundo relataban, poderían estar atrapados.

Axiña, os xestores do 112 Galicia poñían en alerta aos profesionais sanitarios, aos Bombeiros de Baixo Miño e Vigo e aos axentes da Garda Civil de Tráfico. Do mesmo xeito, solicitaban a colaboración dos membros do GES de Val Miñor e do persoal da Axencia Galega de Infraestruturas.

Os servizos de emerxencia desprazados no lugar confirmaron ao 112 Galicia que, finalmente, unha persoa resultou falecida. Ademais, tres persoas, dúas delas liberadas do interior do coche, resultaron feridas e evacuadas polos servizos sanitarios ata o centro hospitalario de referencia.