Falece un operario tras caer dunha escaleira na Cañiza

1 minutes read

Un operario faleceu despois de caer da escaleira sobre a que traballaba na N-120, ao seu paso polo municipio pontevedrés da Cañiza. O persoal sanitario, que acudiu nun helicóptero medicalizado, nada puido facer por salvar a vida do home.

O 112 Galicia era informado, mediante a chamada de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da saída do helicóptero medicalizado con base no Complexo Hospitalario de Ourense. Tamén se trasladou ata o lugar unha patrulla da Policía Local da Cañiza, que procedeu a buscar un punto apropiado para a aterraxe da aeronave. Esta chegou a pousarse nas inmediacións do accidente para prestar a atención médica requirida nesas circunstancias.

Finalmente, era o persoal sanitario o que confirmaba o falecemento do home. Tamén participaron no operativo a Garda Civil e o GES-SPEIS Ponteareas.