Falece un pescador en Muxía tras ser arrastrado por unha onda


Ao fío das 10:30 horas da mañá deste domingo, varias persoas chamaron ao 112 Galicia para pedir axuda por un familiar que caera na auga desde as rochas da Punta da Buitra, na zona dos acantilados, en Muxía.

Tras recibir a chamada de alerta, os xestores do Centros Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento de Salvamento Marítimo, que mobilizou ao helicóptero Helimer 401 e a embarcación Salvamar Altair que, finalmente, rescatou a persoa da auga trasladándoa ata o porto de Muxía.

Compre indicar que os profesionais sanitarios foron informados polo 112 Galicia, quen tamén mobilizaron ao helicóptero medicalizado con base en Santiago, para a atención da persoa rescatada polo persoal de Salvamento.

Así mesmo, informaron da situación ao Servizo de Gardacostas de Galicia, aos axentes da Garda Civil e Policía Local e aos voluntarios de Protección Civil da localidade.

Pese aos esforzos do servizo médico desprazado ata ao lugar nada puideron facer por salvarlle a vida a persoa, Rafael Rodríguez de 39 anos e afeccionado a pesca deportiva.