Falece un traballador en Mondariz tras sufrir un accidente cunha árbore

Un operario faleceu na tarde deste venres no concello pontevedrés de Mondariz despois de sufrir un accidente mentres traballaba cunha árbore na estrada que une as localidades de Cernadela e Sabaxáns.

De acordo coa información facilitada polas persoas particulares que chamaron ao 112 Galicia para pedir axuda, o home atopábase inconsciente nas proximidades da Ponte de Sabaxáns. Durante a comunicación, alertaban que o incidente puido ser provocado por unha árbore que alcanzou ao traballador.

De inmediato, desde o 112, pasouse aviso aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que, debido á gravidade das lesións sufridas polo operario, informaron da mobilización do helicóptero medicalizado con base en Ourense ata a zona. Unha vez no lugar e ao comprobar que o varón estaba falecido, o equipo médico de urxencias comunicou a anulación da aeronave.

Para aclarar as circunstancias do suceso, ata o lugar desprazáronse os axentes da Garda Civil tras ser avisados polos xestores do 112. Ademais, tamén se solicitou colaboración dos membros de Protección Civil da Mancomunidade Oitavén-Tea.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha