Falece un traballador logo de caer do tellado dun instituto na Coruña

Un operario tamén foi trasladado en helicóptero tras caer dun tellado en Val do Dubra.

Un home perdeu a vida este luns na Coruña, ao caer dun tellado, o falecido traballaba na cuberta do IES Agra do Orzán, situado na rúa do Alcalde Liaño Flores, cando caeu desde varios metros de altura. Foi o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 o que alertou ao 112 Galicia, minutos antes das 18 horas.

Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse de inmediato un operativo no que tamén colaboraron os axentes da Policía Nacional.

Unha vez no lugar, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento do traballador. Fontes da Policía Nacional ratificaron que se investigan as causas do accidente laboral.

Un operario trasladado en helicóptero tras caer dun tellado en Val do Dubra

O accidente laboral produciuse no lugar de Vilar, en Buxán, no municipio de Val do Dubra.

A información chegou ao 112 Galicia a través dos efectivos de Protección Civil da localidade, que alertaban de que un operario caera dun tellado e resultara ferido.

De inmediato, desde a sala de operacións do 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que decidiu desprazar o helicóptero con base en Santiago de Compostela para atender e trasladar ao ferido, que se atopaba consciente nese momento.

Ademais, a Garda Civil tamén foi informada para colaborar na intervención do accidente.

Related posts

O BNG de Santa Comba esixe ao goberno municipal que pague de maneira inmediata o que lle debe ao persoal municipal

O Concello da Baña celebrará o domingo 3 de maio a súa segunda Carreira Popular

Correos activa o transporte de mochilas no Camiño de Santiago a Muxía e Fisterra