Falece un veciño de Carballo tras sufrir un accidente coa moto que pilotaba en Santa Comba

  • En Tella, Ponteceso, un home de mediana idade resultou ferido de gravidade tras un accidente similar, a moto na que viaxaba acompañado do seu fillo colisionou tamén contra un turismo na tarde deste sábado.

Sucedeu ao fío das dúas e media da tarde deste sábado. Varios particulares contactaban a esa hora co 112 Galicia para informar dun accidente grave entre en un coche e unha moto na AC-400, quilómetro 59,5, en Mallón, na localidade de Santa Comba. Un dos alertadores engadía, ademais, que eran precisos os medios de extinción, posto que a moto estaba comezando a arder. 

Nada mais recibir o aviso, os xestores do 112 informaron decontado ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil de Tráfico, aos membros do GES de Brión e aos efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil e da Agrupación de Voluntarios de Protección de Outes. 

Así, unha vez no punto, o persoal sanitario confirmou ao 112 o pasamento do motorista. Tamén, os membros do GES de Brión indicaron que a moto, tras ser extinguida polos efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil,  ardeu na súa totalidade. O persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia derivou ao punto un helicóptero medicalizado, sen embargo, nada se puido facer por salvarlle a vida o motorista, un veciño de Carballo de 58 anos. 

Un motorista ferido en Ponteceso
En Ponteceso, na aldea de Fontán, en Tella, tamén, ao fío das catro e media da tarde deste sábado, colidían un coche e unha moto. Segundo a información recibida no 112 Galicia polos axentes de Tráfico, o motorista resultou ferido de consideración e foi trasladado polo persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao Hospital Clínico Universitario da Coruña (CHUAC). 

O 112 Galicia foi informado deste accidente polo persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e, a partir de aí, os xestores de emerxencias puxeron os feitos en coñecemento dos axentes de Tráfico, dos Bombeiros de Bergantiños, do GES de Ponteceso e dos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade. 

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha