Consternación en Malpica tras recibirse a noticia da morte dun veciño da localidade mentres esperaba nunha clínica privada de Carballo a que lle realizasen unha proba PCR. Trátase de Rubén Alberto Rodríguez Arcay, de 42 anos e veciño da rúa Camiño do Río. O suceso produciuse ás 19:30 horas na terceira planta do centro sanitario, Rubén esborrallouse e os alí presentes xa nada puideron facer por salvarlle a vida. Ao lugar desprazouse unha ambulancia do 061 e unha patrulla da Policía Local, ademais da autoridade xudicial para o levantamento do cadáver, ao cal está previsto que lle realicen a autopsia para determinar as causas exactas da súa morte. Rubén era traballador do mar en Malpica, onde deixa unha filla e tres irmáns máis. O propio alcalde da localidade, Walter Pardo, estaba conmocionado por esta nova traxedia que sacudiu á vila mariñeira.
