Falece unha moza de Baio-Zas en Dumbría, nunha colisión entre dous turismos

1 minutes read

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, unha moza de 34 anos, Natalia Antelo, faleceu este venres en Dumbría nun accidente de tráfico en que se viron implicados dous vehículos e no que cando menos outra persoa máis quedou ferida. A vítima mortal tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Cee ao quedar atrapada no interior dun dos turismos accidentados. Ademais, houbo outra persoa ferida neste accidente que foi trasladada nunha ambulancia a un centro hospitalario.

O sinistro produciuse no punto quilométrico 83 da AC-552 en sentido Fisterra, a altura de Bustelo (Dumbría), uns minutos antes das 11 da mañá.

Foi unha persoa particular quen deu conta do accidente ao 112 Galicia. Nada máis ter constancia, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou un helicóptero medicalizado ata o lugar do sinistro, pero nada se puido facer por salvarlle a vida a vítima. Ademais, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención dos Bombeiros de Cee, da Garda Civil de Tráfico, de Protección Civil de Dumbría e do servizo de mantemento da estrada.