Unha muller de mediana idade perdeu a vida na tarde deste venres despois de ser alcanzada por un vehículo na A-6, ao paso polo concello coruñés de Aranga. Segundo a información facilitada polos equipos de intervención aos xestores do 112 Galicia, o sinistro mortal tivo lugar tras producirse unha colisión múltiple á altura do punto quilométrico 541.
Malia os esforzos do persoal sanitario, nada se puido facer por salvarlle a vida.
Ocorreu ás cinco da tarde e foi unha persoa particular quen chamou ao 112 para dar conta dos feitos. Durante a comunicación, informaba que varios coches chocaron cando circulaban sentido A Coruña e, de inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitouse a intervención dos servizos sanitarios, dos Bombeiros de Betanzos, dos membros do GES de Curtis e dos axentes da Garda Civil de Tráfico.
Unha vez no lugar, os servizos de emerxencia comunicaron ao 112 que unha das persoas que estaba fóra dos turismos afectados foi alcanzada por un vehículo. Desafortunadamente, a vítima sufriu lesións irrecuperables e perdeu a vida.
De acordo cos axentes da Garda Civil de Tráfico, un carril quedou cortado mentres duraron as labores dos equipos de intervención.
Para restablecer as condicións de seguridade na vía, desde o 112 pasouse aviso tamén ao servizo de mantemento das estradas.