Falece unha muller en Noia tras caer nunha zona de difícil acceso

Imaxe dunha ambulancia 061

Os servizos de emerxencia rescataron o corpo sen vida dunha muller que caeu por un desnivel nunha zona de difícil acceso na contorna do río Tambre, no concello de Noia, en A Coruña.

Desafortunadamente, pese aos esforzos dos equipos de intervención que acudiron ao lugar, nada se puido facer por salvarlle a vida.

Sucedeu á última hora da tarde deste sábado, momento en que unha persoa particular contactou co 112 Galicia para solicitar medios de rescate para unha muller ferida tras sufrir unha caída cando camiñaba pola senda do Tambre, na parroquia de Roo.

Decontado, desde o 112 Galicia pasouse aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Boiro e de Ribeira, aos membros do GES de Brión e do Servizo Municipal de Protección Civil de Noia.

Malia que a vítima puido ser rescatada do pequeno encoro por particulares, a actuación dos equipos de intervención foi fundamental para lograr sacar o corpo do lugar no que se atopaba, ao final dun declive de aproximadamente quince metros de pendente.

Para prestar apoio á familia da falecida, o persoal do 112 Galicia solicitou a colaboración dos membros do Grupo de Intervención Psicolóxica en Emerxencias y Catástrofes (GIPCE).

Co fin de aclarar as circunstancias do suceso, desde o 112 avisouse tamén aos axentes da Garda Civil e da Policía Local.