Falece unha muller en Sigüeiro tras producirse un incendio na súa vivenda

  • A Garda Civil investiga se un home lle prendeu lume á súa casa coa súa nai dentro.

Unha muller perdeu a vida este venres tras declararse un lume na súa vivenda, na rúa Rosalía de Castro, no concello coruñés de Oroso. O 112 Galicia tivo coñecemento do incendio pasadas as once da mañá, cando un particular informaba dun lume dentro dun piso. Nesa mesma chamada, afirmaba tamén que podía haber dúas persoas no interior. 

Nese intre, o 112 Galicia puxo os feitos en comunicación dos Servizos de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061, da Policía Local de Oroso e dos Bombeiros de Ordes. Tamén foron informados os efectivos de Protección Civil do municipio.

Nun primeiro momento, a Policía Local relataba que a vivenda estaba chea de fume e que unha persoa estaba sendo atendida polos servizos sanitarios. Logo, confirmouse o falecemento dunha muller e o traslado en ambulancia doutra persoa.

Os profesionais sanitarios tamén derivaron ao punto, o helicóptero medicalizado con base en Santiago, que finalmente, non foi precisa a súa intervención, posto que a persoa falecera.

Debido á extensión da propagación das chamas, sumouse ao operativo a intervención dos Bombeiros de Arzúa. De feito, a causa das altas temperaturas alcanzadas, dous operarios tiveron que ser trasladados ao centro de saúde da localidade. Así e todo, segundo se lle informou ao 112 Galicia, afortunadamente, os dous atópanse ben. 

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha