Falece unha muller no incendio da súa casa en Narón

1 minutes read

Unha muller perdeu a vida na tarde deste sábado despois de producirse un incendio no interior dun inmoble localizado na Estrada de Castela, no concello coruñés de Narón.

Malia os esforzos dos equipos de intervención que acudiron ao lugar, soamente se puido confirmar o seu falecemento. Os Bombeiros de Narón traballaron arreo para conter as lapas, que consumiron dúas habitacións da vivenda, e restablecer as condicións de seguridade nas inmediacións da edificación xunto aos axentes da Policía Local.

Todo comezou ás 14:30 horas cando o 112 Galicia recibiu unha chamada de alerta dun veciño da zona que informaba dun incendio na planta baixa dun edificio de tres alturas. Durante a comunicación, a testemuña do suceso indicaba que era posible que a vivenda estivese ocupada no momento dos feitos.

De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia solicitaron a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Narón e dos axentes da Policía Local.

Unha vez no lugar, a patrulla da Policía Local e a dotación de bombeiros desprazada confirmáronlle ao 112 que o lume xa estaba sufocado e que no interior da vivenda había unha persoa falecida. Igualmente, engadiron que, por precaución, orientaron aos ocupantes das casas lindeiras a desaloxaren as súas vivendas mentres duraron as tarefas de extinción do lume. Ademais, solicitaban a colaboración da empresa encargada do alumeado público para restablecer o subministro de enerxía na contorna, interrompido por culpa do incendio.

Cómpre sinalar que desde o 112 tamén pasouse aviso aos Bombeiros de Ferrol e aos membros de Protección Civil da localidade por se fose necesaria a súa cooperación neste operativo.