Falece unha muller nun accidente na autovía do Barbanza, en Boiro

1 minutes read

Un choque entre dous vehículos na autovía do Barbanza (AG-11), en Cespón, á altura da saída cara ao polígono de Espiñeira, en Boiro, sentido Ribeira, sáldase coa morte dunha muller.

Ata o lugar do sinistro desprazáronse os Bombeiros de Boiro que non puideron facer mais que excarcerar a vítima. Os servizos sanitarios non puideron facer nada por salvarlle a vida. Todo indica que se tratou da colisión de dous vehículos, dos que un estaba parado. Finalmente, os servizos sanitarios tras confirmar o falecemento da muller, indicaron que outra persoa tamén fora atendida no mesmo lugar dos feitos, aínda que non chegou a ser trasladada.

Tamén aterrou na zona un helicóptero medicalizado  polo que foi preciso interromper a circulación nun carril da autovía. O accidente causou retencións durante máis dunha hora.

Tamén interviñeron no accidente axentes da Policía Local, Protección Civil e de Tráfico da Garda Civil que realizan o atestado.