Falece unha persoa e outra resulta ferida nun accidente en Sobrado

1 minutes read

Unha persoa perdeu a vida na tarde deste sábado ao sufrir unha saída de vía cando circulaba co seu vehículo pola EP-8005, á altura do punto quilométrico 5, ao seu paso polo concello coruñés de Sobrado.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos Bombeiros de Arzúa, dúas persoas viaxaban no turismo cando o sinistro tivo lugar pero, soamente unha – a vítima- necesitou ser liberada. Aínda que non foi necesario o uso do material de excarceración, os bombeiros tiveron que estabilizar o vehículo envorcado para poder sacar a persoa do seu interior. O outro ocupante puido saír polos seus propios medios.

Foron os profesionais sanitarios os que chamaron ao 112 Galicia para informar da mobilización do helicóptero medicalizado con base en Santiago para atender a unha persoa atrapada tras saírse da vía o seu turismo no lugar de Brixaria, na parroquia de Grixalba. De feito, a aeronave tomou terra no lugar dos feitos pero, pese aos esforzos do equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, nada se puido facer por salvarlle a vida.

Así, para prestar apoio aos equipos de intervención e restablecer as condicións de seguridade na vía, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia púxose a situación en coñecemento dos axentes da Garda Civil de Tráfico.