Falece unha persoa e outra resulta ferida tras saírse da vía un turismo en Carnota

1 minutes read

Os servicios sanitarios de urxencia derivaron ao lugar un helicóptero medicalizado, para trasladar, debido ao seu estado, a unha das persoas feridas de avanzada idade e que, finalmente, faleceu. A outra persoa foi evacuada en ambulancia.

O vehículo saíuse da vía cando circulaba pola AC-550, quilómetro 26,5, en Santa Comba de Carnota. Así o indicaba o particular que chamou ao 112 Galicia, ás tres da tarde deste domingo, para solicitar axuda. Indicaba que no vehículo viaxaban dúas persoas maiores e que unha delas necesitaba axuda urxente.
 
Con estes datos, os xestores do 112 pasaron aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que derivou un helicóptero medicalizado e unha ambulancia co equipo médico cara o lugar. Así mesmo, desde o 112 Galicia informouse á Garda Civil de Tráfico, aos membros do GES de Muros e aos efectivos de Protección Civil da localidade. 

Unha vez no punto e tras as primeiras valoracións por parte do equipo sanitario, os membros do GES comunicaron ao 112 Galicia que unha das persoas feridas fora evacuada na aeronave e a outra nunha ambulancia.  

Con todo, segundo informaron os axentes de Tráfico ao 112 Galicia, pese á evacuación inmediata na aeronave, os servicios sanitarios nada puideron facer por salvarlle a vida, posto que, faleceu durante o traslado.