Falece unha persoa e outras dúas quedan feridas nun accidente en Caldas de Reis

1 minutes read
Ambulancia Sergas Galicia

Unha saída de vía dun turismo en Caldas de Reis saldouse cunha persoa falecida e outras dúas feridas. A falecida era unha muller de 77 anos que viaxaba con outros dous varóns, de 53 e 80 anos, que resultaron feridos e trasladados ao hospital do Salnés. Concretamente, o accidente produciuse no punto quilométrico 1 da EP-8001, na parroquia de Carracedo. O 112 Galicia tivo coñecemento do sinistro a través dunha persoa particular. Acto seguido, os xestores do CIAE 112 Galicia requiriron a intervención do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, pero nada puido facer por salvarlle a vida a unha das ocupantes do vehículo. Ademais, desde o 112 Galicia pasouse o aviso aos Bombeiros de Vilagarcía, á Garda Civil de Tráfico e á Policía Local.