Unha veciña de Cabana de Bergantiños faleceu despois de sufrir un accidente co tractor que manexaba no lugar de Pedrouzo.
Foi un particular quen alertou do accidente a través dunha chamada ao 112 Galicia ás 16:30 horas deste martes. Segundo indicou, a vítima puido caer do vehículo e malia aos esforzos dos equipos de emerxencias desprazados no punto, faleceu cando estaba sendo evacuada ao centro hospitalario de referencia.
Debido á gravidade do accidente, os servizos sanitarios de urxencia consideraron a posibilidade de mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Santiago, mais desistiron a causa das malas condicións meteorolóxicas do momento.
Desde o 112 Galicia, pediuse a colaboración dos profesionais sanitarios, dos Bombeiros de Carballo, do GES de Ponteceso, dos axentes da Garda Civil e dos membros de Protección Civil da localidade.