Xosé Manuel Beiras Torrado, nado en Compostela en 1936, (vén de falecer este 8 de outubro con 90 anos de idade), unha referencia inescusábel da vida política, social, cultural e académica da Galicia contemporánea. Militante e promotor de organizacións políticas desde os anos 60, combatente contra o fascismo e autor dunha obra ensaística chave para analizar as causas da dependencia do país, a súa traxectoria contribúe a explicar a xeira da nación galega das últimas décadas. Beiras convértese na referencia principal da oposición a Manuel Fraga e no Parlamento galego protagoniza un dos seus momentos máis mediáticos: o «zapatazo» en protesta polo intento de cambiar o Regulamento da Cámara.
O BNG lamenta profundamente o pasamento de Xosé Manuel Beiras, «figura fundamental da historia do nacionalismo galego». Nas súas redes sociais, a organización frontista lembra o importante papel de quen foi o seu voceiro nacional e portavoz parlamentario durante vinte anos. A portavoz nacional do BNG Ana Pontón sinalou que Beiras deixa unha gran pegada en varias xeracións de galegos e galegas. O exalcalde de Santiago e amigo persoal de Beiras, Martiño Noriega, amosou tamén o seu pesar polo falecemento de Xosé Manuel Beiras e compartiu unha fotografía na que ambos se funden nunha enorme aperta.
