Cando aínda está na mente de todos o tráxico suceso que se cobraba a vida de dúas persoas na noite do pasado sábado ao domingo en Abegondo, a historia volve repetirse. Dúas mulleres faleceron este martes en dúas novas saídas de vía.
O primeiro accidente ocorreu de madrugada no termo municipal de Trazo, o vehículo no que viaxaba unha moza de 18 anos chocou contra unha árbore despois de saírse da vía, na estrada que une Chaián e Trazo, aproximadamente, a cincocentos metros do cruzamento do termo municipal coruñés de Trazo. Os xestores do 112 pasaron aviso de inmediato ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que, tras chegar ao lugar, só puideron confirmar o falecemento dunha das persoas que viaxaba no vehículo, unha moza de 18 anos. Así mesmo, indicaron que outras dúas persoas de 18 e 20 anos foran trasladadas ao Hospital Clínico de Santiago.
O segundo dos sinistros mortais produciuse sobre as dez da mañá no Concello de Cabanas, alí perdeu a vida unha muller de 59 anos veciña da Capela que regresaba de levar ao seu neto á gardería. O accidente ocorreu na estrada AC-564, concretamente á altura do lugar de Vilarón. Foi a esa hora, cando unha persoa particular alertaba ao 112 Galicia dun vehículo envorcado na estrada que une as localidades de Fene e As Pontes. Aseguraba que polo menos había unha persoa que podía necesitar asistencia médica urxente no interior do vehículo. Xa no lugar e finalizada a intervención, os Bombeiros do Eume confirmaron ao 112 Galicia a excarceración da vítima e única ocupante do turismo. Pese os esforzos dos profesionais sanitarios desprazados ata ao lugar, nada se puido facer por salvarlle a vida. Ademais dos bombeiros e dos profesionais de urxencias sanitarias, que mobilizaron unha ambulancia co seu equipo médico, acudiron os membros do GES de Mugardos e os axentes de Tráfico e da Policía Local, nada máis ser informados polo 112 Galicia.