Falecen dúas persoas nun accidente de tráfico en Abegondo

Lugar do sinistro, na estrada DP-0103.

Dúas persoas perderon a vida a pasada noite e outra sufriu feridas de consideración despois de que o coche no que viaxaban se saíse da vía na parroquia de Sarandós, en Abegondo.

Os Bombeiros de Betanzos interviñeron para excarcerar aos tres ocupantes do vehículo accidentado, ao quedar atrapados no interior do mesmo.

Os servizos sanitarios desprazados nada puideron facer por salvarlle a vida a dous dos ocupantes. Por outra banda, unha terceira persoa accidentada foi trasladada a un centro hospitalario nunha ambulancia en estado grave.

Os feitos sucederon na DP-0103, ao fío das catro da madrugada, estrada que une Montouto con Carral. Foi, a esa hora, cando o 112 Galicia recibiu a alerta do accidente a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

De xeito inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento dos Bombeiros de Betanzos, da Garda Civil de Tráfico e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Abegondo. Ademais, desde o CIAE 112 Galicia informouse do accidente ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), por se fose necesaria a súa intervención.

Os dous falecidos eran naturais da parroquia de Celas, pertencente ao Concello de Culleredo, onde se decretaron tres días de loito oficial.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha