Catro persoas, tres delas menores de idade, morreron nun incendio rexistrado no número 6 da rúa Afonso X O Sabio de Vigo, nas inmediacións da praza América, que tamén deixa nove feridos polas lapas, entre eles un bombeiro. O lume declarouse na entrada do edificio de cinco plantas no que residían uns 30 veciños. Entre as vítimas está unha muller de 30 anos que, segundo os veciños, é a nai dos tres pequenos falecidos, de entre 11 e 14 anos de idade.
Segundo fontes da Consellería de Sanidade, seis dos feridos están na UCI do hospital Povisa, onde está ingresada unha nena de oito anos en estado grave, mentres que na UCI do hospital Álvaro Cunqueiro permanecen cinco pacientes, un deles en estado moi grave.
Ademais, permanecen no hospital Álvaro Cunqueiro un menor, un home de 52 anos e un bombeiro de 43, todos eles feridos leves, mentres que na clínica Povisa outros dous afectados foron dados xa de alta. No lugar dos feitos foron atendidas sete persoas, unha das cales solicitou a alta voluntaria.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mostrouse «abatido» polo incendio de Vigo e agradeceu a «rápida reacción» dos servizos de emerxencias. Nunha mensaxe na rede social X expresou as súas «condolencias para as familias dos falecidos e os seus ser queridos», e informou de que falou co alcalde da cidade, Abel Caballero, para transmitirlle a «solidariedade e o apoio» da Xunta.
Comunicado do BNG de Vigo
O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Concello de Vigo, Xabier P. Igrexas, quixo expresar publicamente o seu inmenso pesar por unha traxedia sen precedentes que encolleu o corazón de toda a cidade.
«En primeiro lugar, dende o BNG queremos trasladar as nosas sinceras e emocionadas condolencias ás familias dos menores falecidos e o desexo dunha pronta e total recuperación dos e das feridas. Así mesmo, agardamos que as persoas desaloxadas reciban a atención precisa que lles permita volver á normalidade canto antes. Temos plena confianza en que a cidade responderá, como sempre fai diante de sucesos que nos poñen a proba, expresando todo o seu afecto e alento ás vítimas e aos seus seres queridos», concluíu.
O Concello declara 3 días de loito oficial
O goberno local declarou 3 días de loito oficial polo falecemento destas catro persoas. O alcalde trasladou «a súa consternación e a súa dor», así como «o máis sentido pésame ás familias». As bandeiras dos edificios municipais ondearán a media hasta.