Isaura Abelairas, deputada socialista no Parlamento de Galicia, faleceu este xoves a consecuencia dunha longa enfermidade. Abelairas foi unha referente na defensa dos servizos públicos e da loita contra a desigualdade. Natural de Taboada e viguesa de adopción e sentimento, era mestra de profesión, cargo que exerceu no CEIP Emilia Pardo Bazán (Chouzo) de Vigo dende 1993 a 2007, escola onde tamén foi directora.
De xeito paralelo, desenvolveu a súa vida na política municipal, sendo concelleira de Limpeza e Festas no Concello de Vigo entre 1999 e 2003 e posteriormente concelleira de Servizos Exteriores, Vías e Obras. Tamén foi responsable de Cultura, Igualdade e Normalización Lingüística, e nas dúas últimas lexislaturas exerceu como responsable de Política Social no Concello de Vigo.
Ademais, foi deputada provincial entre 1999 e 2003 e, dende 2007, foi a responsable de Igualdade na Deputación de Pontevedra. No ano 2020 concorreu nas listas do PSdeG ao Parlamento de Galicia como número 2 da provincia de Pontevedra e, dende entón, exercía como parlamentaria socialista na Cámara centrándose nos ámbitos de igualdade, LGTBI, Valedoría do Pobo, Emigración, CRTVG e Voluntariado.
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, amosou nas redes sociais o seu pesar polo ocorrido e recoñeceu a figura da deputada viguesa. “Deixounos unha gran amiga e compañeira, a miña querida Isaura, sempre socialista e feminista, optimista e loitadora ata o último momento”, destacou.