Faleceu Ignacio Cabezón, alcalde de Neda entre 2007 e 2015


Pesar no municipio de Neda tras o falecemento de Ignacio Cabezón, que foi alcalde desta localidade durante dous mandatos, entre os anos 2007 e 2015. Médico de profesión morreu este mércores, 8 de decembro, aos 67 anos de idade, tras unha longa enfermidade.
Cabezón foi sempre un home moi apreciado tanto polos seus pacientes como polo seus veciños. O seu salto á política produciuse en 2007, de man de Terra Galega, co apoio do seu amigo Xoán Gato, por aquel entón rexedor de Narón, logrando a Alcaldía de Neda, grazas a un pacto co PP. Catro anos máis tarde, en 2011, volveu optar á reelección, pero xa dentro do Partido Popular, volvendo ser reelixido e nesta ocasión coa maioría absoluta.
Cabezón levaba xa un tempo apartado da vida pública, en parte motivado pola enfermidade. O goberno de Neda, a través dun comunicado, expresou “o seu pesar pola morte do ex alcalde Ignacio Cabezón, e trasladan as condolencias da corporación e do pobo de Neda á súa familia”.