Faleceu José Sánchez Vilas, ex-alcalde de Carballo

1 minutes read

Este sábado faleceu aos 87 anos José Sánchez Vilas, foi o primeiro alcalde que tivo Carballo en tempos de democracia, exercendo o cargo pola UCD desde o ano1979 ata o 1991, aínda que máis tarde acabaríase integrando no grupo de Alianza Popular, que pouco frutificou na vila, dando paso a unha candidatura independente que o desaloxaría da alcaldía por maioría absoluta e polo que acabaría dimitindo. Sánchez Vilas procedía do movemento empresarial da zona, onde destacaba o seu almacén de bebidas con representación da cervexeira Estrella de Galicia.

O Concello de Carballo emitiu un comunicado onde o actual alcalde, Evencio Ferrero, «expresa o sentir da corporación e do persoal municipal polo falecemento de José Sánchez Vilas, e agradece, en nome de toda a cidadanía, o labor desenvolvido durante os 12 anos que presidiu o goberno local». «A corporación municipal de Carballo mostra as súas condolencias á familia e persoas achegadas do ex-alcalde, que dedicou a súa vida profesional á actividade empresarial e que foi un dos impulsores do desenvolvemento industrial do noso concello como promotor do primeiro polígono de Bértoa». «En homenaxe a José Sánchez Vilas, o Concello de Carballo publicará este luns unha necrolóxica na prensa “In memoriam” e a corporación municipal gardará un minuto de silencio na primeira sesión plenaria que se celebre tras o levantamento do actual estado de alarma».