Desde o Concello de Camariñas emitiron un comunicado ao respecto: “lamentamos o falecemento do que foi alcalde durante 24 anos, Juan Bautista Santos, e queremos dar o pésame aos seus familiares e amigos nestes duros momentos”. Ante esta nova o goberno local decidiu suspender os actos de fin de curso que estaba previsto que se celebrasen esta fin de semana.
A familia socialista da Costa da Morte está de loito, Juan Bautista Santos Ramos faleceu na madrugada deste sábado aos 80 anos de idade. Era natural da parroquia de Xaviña, encabezou a candidatura do PSdeG-PSOE en Camariñas nas eleccións municipais de 1979, sendo a segunda forza máis votada trala UCD, que logrou a maioría absoluta. Nas municipais de 1983 encabeza de novo a candidatura socialista e resulta elixido alcalde con maioría absoluta. Porén, anuláronse os resultados nas mesas de Camariñas e Xaviña, polo que se repetiron as eleccións en ditas mesas en novembro de 1983, confirmando a maioría absoluta dos socialistas, que incluso aumentaron un concelleiro. Foi reelixido alcalde con maioría absoluta en 1987, 1991 e 1995.
Nas municipais de 1999 volveu ser elixido alcalde, pero perdeu a maioría absoluta. Desta forma, gobernou en minoría ata que en abril de 2000 estableceu un pacto de goberno co BNG. Porén volveuse quedar en minoría trala baixa dun edil socialista en novembro de 2000, que incluso chegou a apoiar unha moción de censura do PPdeG, que foi abortada dende os órganos superiores da formación conservadora. Volveu a ser o candidato do PSdeG-PSOE nas municipais de 2003 e foi reelixido alcalde recuperando a maioría absoluta. Non se presentou á reelección nas municipais de 2007, retirándose da política. Nas municipais deste 2023 pechaba a lista dos socialistas de Camariñas como suplente número 5.