Á primeira hora da tarde deste mércores coñecíase a triste noticia do falecemento do xornalista Xosé Manuel Díaz Maseda. Unha das caras coñecidas da TVG, polas súas numerosas aparicións nos servizos informativos, onde ademais fora redactor xefe entre 2009 e 2017. Agora, como coordinador de informativos, preparaba a retransmisión da apertura de Porta Santa o 31 de decembro. Maseda era natural de Cedeira e pai de dous fillos. Ademais tamén formaba parte da agrupación Troyanos de Compostela, dentro do xénero de guitarras. A orixe deste fatal desenlace está ligado a un tráxico accidente de tráfico que sufrira o pasado venres día 18 de decembro en compañía doutra persoa, cando por causas que se investigan, o turismo Mercedes no que viaxaba foi alcanzado violentamente por un camión na autoestrada AP-9 á altura de Ordes. A súa acompañante foi evacuada do lugar en ambulancia, pero Díaz Maseda, debido á gravidade das feridas, foi evacuado en helicóptero ao clínico de Santiago. Aí permaneceu ingresado en estado extremadamente grave ata este mércores, día no que lamentablemente, debido á gravidade das súas feridas acabou falecendo. En momentos tan duros, compañeiros de traballo, amigos, coñecidos e troyanos lamentan tan terrible perda e únense en enviarlle unha mensaxe de ánimo e agarimo a toda a súa familia.