Fallos de serie nos pasos de peóns intelixentes

Paso intelixente_Carballo.

Os pasos de peóns intelixentes seguen abríndose oco dentro das rúas e travesías da comarca. O último modelo que foi instalado atópase en Carballo. Sen dúbida, un paso máis para seguir mellorando a circulación e a seguridade viaria. Cuns sensores de presión, estes pasos de peóns “intelixentes” son capaces de iluminarse cando detecta que un peón se aproxima. Ao activarse mediante presión, os sinais específicos tipo S-13 acenden os seus LED para avisar aos condutores de que o paso de peóns está activo e que deben de deterse para deixar pasar aos viandantes, ao mesmo tempo que mediante un relé poden activar un sistema de luz sobre o paso ou outro dispositivo.

Os sinaléticos instalados na Laracha e Paiosaco duraron unhas poucas semanas en bo estado, debido a que os diodos LED encargados de transmitir a luz nótanse sobredimensionados en voltaxe e acabáronse fundindo aos poucos. Algo non moi acorde coa tecnoloxía LED, dado que ben dimensionada en tensión é unha tecnoloxía fria e duradeira, pero algo falla, do mesmo xeito que levan fallando anos os LEDs dos semáforos instalados en varios puntos da nosa contorna.

O último fallo está a sufrilo a tecnoloxía do paso de peóns intelixente instalada na confluencia da nova rotonda carballesa da rúa Fomento con avenida de Fisterra e Río Anllóns, onde apenas durou dous días. Sen dúbida trátase dun elemento que axudaría a reducir os atropelos en pasos de peóns de baixa visibilidade ou en zonas nas que a iluminación urbana poida ser escasa ou directamente inexistente. Pois haberá que seguir perfeccionando e adaptando a tecnoloxía, unha vez demostrada a súa eficacia, para que sexa máis duradeira no tempo.

Paso LED_Paiosaco.