- Algúns membros da falecida móstranse indignados con todos os rumores que se foron estendendo polas redes sociais sobre a vítima e demais familiares
Este xoves varios medios de comunicación facíanse eco dunha nova sobre o desaloxo de varias persoas que, durante a tarde deste mércores, se atopaban no Tanatorio de San Pedro en A Ponte do Porto (Camariñas) velando a un familiar.
Segundo fontes directas da familia, que ademais se atopaban no local, en ningún momento se produciu ningún desaloxo polas forzas de seguridade, senón que simplemente lles comunicaron a todos os presentes que debían permanecer no tanatorio ata poñer en marcha o protocolo axeitado, debido a que unha das persoas que se achegou ao fogar fúnebre estaba en corentena.
NHDIARIO tivo a oportunidade de falar cunha familiar e testigo que sinalou que sobre as 19:00h. deste pasado mércores, axentes da Garda Civil se posicionaron no centro onde se estaba velando a unha muller de 88 anos que faleceu por causas naturais en Santa Comba. O problema é que esta persoa residía coa súa filla, entre outros, que se atopaba en corentena por se poidera ter o COVID-19.
Esta persoa dirixiuse soa no seu propio vehículo ata A Ponte do Porto e entrou no tanatorio aínda que, segundo varios testigos, non mantivo ningún tipo de contacto con ninguén e inmediatamente se dirixiu de volta á súa residencia habitual en Santa Comba.
Deixando a un lado se a actuación desta persoa foi ou non correcta, desde a familia móstranse indignados cos rumores e mentiras que se foron propagando a través das redes sociais ou demais aplicacións. Comentarios que se deron por válidos e que mesmo foron transmitidos pola alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua, nunha entrevista na CRTVG, na que sinalaba que a víctima mortal falecera dun cancro e que a filla da mesma estaba en corentena por dar positivo por COVID-19.
Ningún destes datos, segundo fontes familiares, é correcto; e comunican que actualmente todas as personas que se atopaban no tanatorio están en corentena e polo de agora á filla da falecida tampouco se lle realizou ningún tipo de proba.
Efectivamente, o Tanatorio de San Pedro tivo que ser desinfectado para poder traballar coa maior normalidade posible.
Este caso volve a poñer sobre a mesa a necesidade de deixar de crer todo o que un ve ou escoita, sobre todo nas redes sociais, pois catro palabras poden crear unha alarma social e mesmo xerar odio sen ningún tipo de causa.