Fátima Rodríguez Gonzálvez lidera o novo proxecto do BNG de Ponteceso

Cedida.

O BNG de Ponteceso emitiu un comunicado no que afirma que, «como moitos veciños e veciñas do concello, estamos cansas do vergoñento espectáculo político ao que levamos asistindo, moi ao noso pesar, dende hai xa demasiados anos».

Fronte á actual situación, que cualifican, «de desesperanza, polarización, inestabilidade e incerteza, no Bloque Nacionalista Galego estamos traballando para volver a ilusionar á cidadanía cun proxecto político que permita sacar ao noso pobo do burato negro no que se atopa e recuperar os anos perdidos».

O BNG concorrerá ás próximas eleccións municipais co compromiso dun traballo continuado dende o primeiro ata o último día do mandato, seguindo as bases e liñas de transformación municipal que xa amosan resultados noutros concellos gobernados pola formación nacionalista; vilas e cidades que medran e desenvolven un territorio máis humano e acolledor para a sociedade, algúns que temos a sorte de coñecer de preto, como é o caso de Carballo, e outros de máis lonxe como Allariz ou Pontevedra.

A persoa que liderará este proxecto, segundo acordo da asemblea local, será Fátima Rodríguez Gonzálvez, de 41 anos, veciña de A Garga (Anllóns), que seguiu estudos de Enxeñería Técnica de Obras Públicas e na actualidade xestiona a súa propia empresa no ámbito da tecnoloxía con sede en Ponteceso. Forma parte activa do movemento feminista galego, e como tal, toma o reto de liderar este proxecto como unha forma de participar na ruptura do teito de cristal no ámbito da política local.

Convencida de que a ilusión é algo contaxioso, Fátima Rodríguez comeza este proxecto cunha gran dose dela, e tamén co enorme reto de transformar a sociedade para que podamos frear a despoboamento e mesmo reverter a situación e medrar. Tras máis de 10 anos xestionando a súa empresa, aprendeu que outra forma de facer empresa é posíbel, e está convencida de que outra forma de facer política tamén é posíbel. Outra forma de facer política para impulsar a economía local poñendo no centro ás persoas e o coidado do territorio.

A fronte nacionalista concluíu afirmando que «este novo proxecto transformador do BNG de Ponteceso está aberto a todas as persoas que queiran compartir a nosa ilusión e aportar na construción dun proxecto que como vimos de dicir estará vertebrado a través dun fío condutor principal: a transformación do noso pobo empezando pola transformación do xeito de facer política».

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha