O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou este domingo a Pedro Sánchez que a unidade, a lealdade e a coordinación de Galicia co Goberno de España está garantida. “Non é o momento de ver o que se podería ter feito, senón de ver que podemos facer todos xuntos”, aseverou, baixo a confianza en que cunha resposta uniforme se poida empezar a combater mellor a emerxencia do coronavirus, cun criterio único para todo o Estado.
Na rolda de prensa posterior á videoconferencia co presidente do Goberno central e co resto dos presidentes autonómicos, Feijóo precisou que todas as medidas xa adoptadas por Galicia, que se anticipou ás decisións para o conxunto de España, quedan ratificadas co Real Decreto.
Así mesmo, o titular da Xunta aproveitou o encontro para plantexar algunhas medidas encamiñadas a mellorar, por exemplo, na atención sanitaria. Sobre este punto, subliñou que a Xunta decidiu reprogramar a atención sanitaria ordinaria nos hospitais tanto de consultas, probas diagnósticas e de cirurxía programada, en función das propostas de cada xerente de área, para deixar espazos, camas e tecnoloxía a disposición de posibles contaxios como consecuencia do virus.
“E tamén pedimos unanimemente que o Goberno central garanta os subministros de equipamento, aparataxe e produtos de protección para todo o persoal sanitario”, dixo, subliñando que é imprescindible que o Goberno central actúe como unha única central de compras e con toda a capacidade que ten ao sumarse todos os servizos de saúde.
No tocante ás fórmulas para incrementar o persoal, o presidente da Xunta informou da necesidade de que se recoñeza a especialidade dos médicos residentes e dos farmacéuticos residentes, que están finalizando o último ano de formación. “Pedimos que de forma inmediata este persoal sanitario, que finaliza a formación nos próximos meses, xa poida ostentar e actuar como título de especialista”, explicou.
Logo de confirmar que calquera cidadán que se atope en Galicia e teña o seu domicilio habitual fóra da comunidade autónoma pode volver ao seu lugar de orixe ou quedar, Feijóo expuxo a necesaria coordinación fronteiriza con Portugal, co obxectivo de que España e o país veciño apliquen as mesmas medidas e os mesmos requirimentos. Ao respecto, confirmou que esta tarde Pedro Sánchez manterá, a través dunha videoconferencia, un encontro co primeiro ministro Costa para regular estas cuestións.
Ao longo do encontro, o responsable do Executivo galego expuxo tamén as preocupacións de determinados sectores. Así, en relación ás peluquerías e a falta dunha regulamentación máis concreta, Feijóo trasladou a proposta de, ante unha persoa que precise a atención por motivos de hixiene, habilitar desprazamentos dos profesionais aos domicilios. Unha medida, avanzou, que será analizada hoxe na reunión do Centro de Coordinación Operativo (Cecop) para concretala no marco da Comunidade.