Feijóo aborda coa alcaldesa de Santa Comba varias cuestións de interese para o concello

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, abordou coa alcaldesa de Santa Comba, María Josefa Pose Rodríguez, asuntos de interese para o Concello como a mellora das vías de comunicación e a construción dunha residencia.

Durante a xuntanza que mantiveron en San Caetano, Feijóo trasladoulle á rexedora que está previsto que este mes o Consello da Xunta aborde a execución da senda peonil na marxe dereita da AC-404, tamén avanzou que a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) está a tramitar a licitación da redacción do proxecto para acondicionar o treito do Alto do Paofito na AC-406.

No eido dos servizos sociais, Feijóo e Pose Rodríguez analizaron o proxecto de acondicionar unha edificación como residencia de maiores e a posibilidade de incluír un centro de día nesa instalación. O proxecto podería obter ata 1, 5 M€ de financiamento do Mecanismo para a Recuperación e Resiliencia.

En materia sanitaria, logo de salientar que o ano pasado o centro de saúde da localidade recibiu un ecógrafo, desfibrilador, electrocardiógrafo e espirómetro dentro dos investimentos do Plan de Atención Primaria, Feijóo avanzou que se estudará a opción de dotar o centro dun aparato de raios X.

Para concluír, o presidente da Xunta e a rexedora municipal analizaron a evolución do proxecto para reparar a climatización da piscina, que conta xa con financiamento da Secretaría Xeral para o Deporte.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha