Feijóo abordou a evolución de proxectos de interese para Mugardos e Narón

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reuniuse co alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus, no seu despacho de San Caetano.

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, abordou co alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus, a evolución dos proxectos de maior interese para o Concello, entre os que destacou as obras de mellora da envolvente térmica do centro de saúde que, cun investimento de máis de 280.000 euros, rematarán a mediados de marzo.

Así mesmo, destacou o proxecto de ampliación da escola infantil municipal As Lagoas de Mugardos, no que a Xunta investirá un total de 100.000 euros para, entre outros aspectos, ampliar o comedor e a cociña.

Por outra banda, e no eido da mobilidade e as infraestruturas, o presidente da Xunta confirmou que, neste semestre de 2021, comezarán as obras para levar a cabo a construción da senda peonil e ciclista na AC-133, entre Franza e Rilo. Tamén abordaron a importancia de proxectos como a senda Peteiro-O Baño, a ampliación de saída de vía rápida ao Penedo, ou a necesidade de remodelación da avenida do Seixo.

En relación á distribución da auga pola ponte das Pías, ata os municipios de Fene, Ares e Mugardos, Feijóo valorou o convenio que se asinará proximamente para dar solución ao problema, cun financiamento que se repartirá ao 50% entre Augas de Galicia e os concellos implicados.

Na xuntanza, tamén abordaron a utilización da Casa do Reloj e o rexedor trasladoulle ao presidente da Xunta o interese en contar cunha nova biblioteca no concello.

No tocante á covid, o titular do Executivo autonómico salientou que desde o inicio da pandemia, no marco do Plan de Reactivación posto en marcha pola Xunta, activáronse diversas liñas de axudas das que se beneficiaron autónomos e pemes do municipio.

Así mesmo, aproveitou a xuntanza para destacar igualmente a colaboración entre ambas administracións na loita contra a covid, coa entrega de material por parte da Xunta como: máscaras, xel hidroalcólico, luvas, batas, traxes, desinfectantes e pantallas faciais. Finalmente, o presidente da Xunta valorou o reforzo por parte do concello dos servizos sociais e das axudas para autónomos.

Concello de Narón

Coa alcaldesa de Narón, María Ferreiro, tratou a evolución dos proxectos claves para o Concello, entre os que destacou a construción do novo centro de saúde, cuxas obras, cun investimento de máis de 5,5 millóns de euros, están executadas en máis dun 80%.

Cunha superficie de 4.312 metros cadrados, 1.800 metros cadrados máis que o actual, este novo edificio, que estará rematado marzo, albergará 56 consultas e contará con espazos como: a área de medicina xeral e enfermaría; área pediátrica; área da muller; área de fisioterapia e de radioloxía; ou a área de urxencias/PAC.

Durante a xuntanza, Feijóo tamén avanzou unha próxima reunión entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o Concello para avaliar o estado de conservación de centros educativos de titularidade da Xunta e do Concello.

Así mesmo, en materia de infraestruturas, Feijóo lembrou que proximamente se licitará un proxecto de reforzo de firmes que tamén actuará na AC-566. E, no tocante ao acondicionamento do aparcadoiro que dará servizo ao novo centro de saúde, xunto á estrada AC-862, subliñou que a actuación, que contará cun investimento de 600.000 euros, someterase a información pública nas vindeiras semanas, coa previsión de que se poida aprobar na primavera.

No tocante á covid, Feijóo salientou que desde o inicio da pandemia, no marco do Plan de Reactivación posto en marcha pola Xunta, activáronse diversas liñas de axudas das que se beneficiaron preto de 70 empresas do municipio.

Así mesmo, aproveitou a xuntanza para destacar tamén a colaboración entre ambas administracións na loita contra a covid, coa entrega de material por parte da Xunta como: máscaras, xel hidroalcólico, luvas, batas, traxes, desinfectantes e pantallas faciais.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reuniuse tamén coa alcaldesa de Narón, María Ferreiro, no seu despacho de San Caetano.