- Increméntase o aforo nos establecementos comerciais, reunións profesionais, actividades culturais ou académicas pasando do 50 ao 75%
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este mércores que se amplía o número de persoas non conviventes nas reunións: de 4 a 6 en interiores e de 6 a 10 para en exteriores. Esta nova medida, adoptada despois da reunión do comité clínico e que se enmarca no plan de desescalada iniciado o pasado 9 de maio, entrará en vigor este sábado. O titular do Goberno autonómico tamén destacou «a imposibilidade de reunirse con non conviventes entre a 1 e as 6 horas da madrugada».
Ademais, incrementarase o aforo nos establecementos comerciais, reunións profesionais, actividades culturais ou académicas pasando do 50 ao 75% cando «sexa compatible co mantemento dunha distancia de 1,5 metros nos niveis medio e medio baixo», destacou o presidente. Os restaurantes e bares manterán a ocupación actual en función do nivel de restricións do concello no que se atopen.
Os concellos de Mos e A Pobra do Caramiñal uniranse a Lobios esta fin de semana e quedarán en nivel máximo de restricións. Nestes casos, os municipios estarán pechados perimetralmente, así como a hostalería. Tampouco estarán permitidas as reunións de non conviventes.
Residencias de maiores
En relación ás residencias da terceira idade, Feijóo subliñou que «naqueles centros situados en concellos en nivel medio e medio-baixo, os residentes poderán saír do centro todos os días, manténdose a duración máxima de catro horas». Ademais, aqueles traballadores que completasen a segunda dose da vacina hai sete ou máis días «non terán que encher a enquisa epidemiolóxica que tiñan que facer cada día antes de empezar a súa quenda», dixo.
En paralelo a este proceso de apertura, Feijóo aseverou que Galicia continúa tamén co proceso de vacinación. Máis de 1.153.000 galegos teñen unha dose e máis de 612.000 están xa inmunizados coa pauta completa, o que representa case o 26% do total da poboación diana (maiores de 16 anos). “Un de cada catro galegos xa está inmunizado na súa totalidade”, precisou.
