- A Xunta reforzará o material con novas contratacións para adquirir máis mascarillas cirúrxicas ou máis máscaras respiratorias
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este xoves na súa intervención na Deputación Permanente novas iniciativas que a Xunta porá en marcha para facer fronte á situación xerada pola pandemia do coronavirus e que serán avaliadas no Consello, que se celebrará mañá venres. Así, nun primeiro termo, avanzou a publicación nos próximos días dunha nova orde para ampliar os contratos de 145 facultativos máis –médicos, farmacéuticos, psicólogos e radiofísicos-, ademais de 22 enfermeiros.
Este proceso sumarase á orde publicada onte mesmo no DOG e que permitirá ampliar desde o próximo 1 de abril os contratos de 160 médicos residentes e 31 enfermeiros especialistas residentes, que están no seu último ano de formación. “Así, entre os dous procesos estamos a falar dun total de 358 profesionais, que se suman aos máis de 39.000 que xa ten a plantilla do Servizo Galego de Saúde”, explicou.
“Nunca antes houbera máis profesionais no Sergas e agora aínda haberá máis”, dixo, precisando que con esta incorporación o investimento en persoal anual é de 22,3 millóns de euros.
Ademais do reforzo do persoal, Feijóo anunciou tamén un reforzo en material e equipamento, con novas contratacións por importe de 7 millóns de euros, para abonar parte das xa feitas e para autorizar máis: máis mascarillas cirúrxicas, máis máscaras respiratorias, máis batas de alta protección, máis botellas de solución desinfectante “e todos os test que se poidan conseguir”.
O titular do Executivo autonómico reiterou que o material sanitario é unha das grandes prioridades da Comunidade, que seguirá facendo a súa labor para adquirir todo os medios necesarios para protexer ao persoal, e incidiu en que o material que xa se ten encargado debería empezar a chegar a partir da fin de semana con maior abundancia.
Comprendendo a dificultade do Executivo central tamén para adquirir material sanitario, Feijóo pediu ao Goberno que, ao igual que a Xunta, siga facendo todo o posible por subministralo canto antes e, sobre todo, test e aparatos de UCI.