O primeiro debate do estado da autonomía desta lexislatura deixou a un presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e aos líderes de BNG e PSdeG aínda máis afastados nas súas posturas e poucos anuncios sobre a acción futura do Goberno galego, entre os que destaca o da gratuidade das escolas infantís a partir do próximo curso.
Feijóo centrou a súa confrontación con Ana Pontón e insistiu en acusar o Goberno central dunha «reconversión industrial» e dos «peches» de importantes empresas, mesmo culpando o PSOE, «coa conivencia dos nacionalistas», de «querer cerrar ENCE para ampliar Navia», en referencia á factoría que a pasteira ten en Asturias.
Na súa réplica aos discursos dos líderes de Bloque e PSdeG, Ana Pontón e Gonzalo Caballero, Feijóo chegou a preguntarse se «vivían no país» ou «falaban coa xente» tras negar calquera das críticas á situación na sanidade, no ensino ou na economía de Galicia e reivindicar a «baixada de impostos».
Tanto o BNG como o PSdeG consideran que Núñez Feijóo en lugar de centrarse nos problemas de Galicia está a facer de «opositor» ao Goberno central desde a comunidade para «ser útil» ao presidente do PP, Pablo Casado, e afeáronlle as súas políticas «conservadoras» e mesmo «ultras».
